...das minhas cousas

 


Imaxino que saco a cabeza pola fiestra, para ollar se chove, e xusto na cornisa, está o gato-abella pousado a fumar un cigarro. Así, como é el, cabeza de gato e corpo de abella de cartón de cor de ceras.

Olla para min, tranquilo, como se fora o máis natural do mundo que eu apareza por alí. Bota unha calada, e continúa ó seu, co ollar perdido no horizonte.

Logo dun pequeno anaco, cando me cerciorei de que non chove, métome para dentro, pecho fiestra e marcho. Unha derradeira ollada ó vidro, e o gato-abella xa non está.

E pregúntome, como cada día que me atopo co gato-abella, a onde marchará voando co seu corpo de cartón de cor de ceras?